O alumnado berciano conmemora o Día do Galego no Bierzo


O pasado domingo 9 de marzo, data na que se conmemora o Día do Galego no Bierzo, deron comezo as XVII Xornadas Martín Sarmiento, organizadas pola Comisión Cultural “Martín Sarmiento” de Vilafranca, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, a Real Academia Galega, o Consello Comarcal do Bierzo e diferentes concellos e entidades culturais da comarca. Nesta ocasión as xornadas inauguráronse cun acto de irmandade entre Antonio Fernández Morales e Rosalía de Castro, que consistiu na plantación dunha figueira da Casa de Rosalía de Castro en Cacabelos. Ese mesmo día tivo lugar unha charla sobre a recuperación da toponimia no Bierzo occidental.

Ao día seguinte, 10 de marzo, os protagonistas foron os intercambios didácticos e lúdicos entre os centros educativos bercianos que participan no programa de galego.

No transcurso destas xornadas tamén tivo lugar a entrega da IV edición dos Premios Antonio Fernández Morales e a convocatoria da V edición.