As tecnoloxías da fala poderán incorporar a diversidade dialectal do galego


A plataforma colaborativa Common Voice, impulsada por Mozilla, incorpora a nova funcionalidade “Fala espontánea”, que lles permitirá ás persoas colaboradoras rexistrar doazóns con acentos diversos, variantes léxicas e morfolóxicas, cambios de código e outros fenómenos propios da oralidade.

Os datos recollidos a través desta nova funcionalidade serán publicados baixo licenza CC0, de xeito que serán accesibles de xeito libre e gratuíto e poderán ser aproveitados para o desenvolvemento de tecnoloxías da fala inclusivas que incorporen a diversidade dialectal do galego.

Na páxina web do proxecto Nós atoparás máis información sobre esta iniciativa, así como as indicacións necesarias para colaborar coa plataforma Common Voice doando a túa voz.