Escolas Católicas Galicia organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, a vixésimo primeira edición da súa Xornada de Normalización Lingüística, co obxectivo de intercambiar información, experiencias e recursos didácticos en galego entre o profesorado e os membros dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de Galicia. Nesta edición o eixo temático do programa será Begoña Caamaño, escritora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2026.
Igual ca en edicións anteriores, entregaranse tamén os Premios Irmán Reboiras ás mellores iniciativas de fomento do galego e no remate haberá unha homenaxe á Asociación Oral de Galicia.
As sesións terán lugar o 21 novembro de 2025, en horario de 9:30 h a 15:00 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela).

