A Universidade de Vigo celebra o Día da Ciencia en Galego dándolle continuidade a dúas iniciativas exitosas e unha novidade. Por unha parte, publica a Escolma de Termos Científicos III, dedicada este ano ás matemáticas, á astronomía e á botánica.
Por outra, convoca a segunda edición do Concurso de monólogos científicos Gargallada Científica. O prazo de presentación abriuse o 4 de novembro de 2026 e rematará o 3 de decembro ás 12 h.
A novidade na programación deste ano consiste nun programa de citas rápidas divulgativas co persoal investigador da UVigo. Seducindo con ciencias, que require inscrición gratuíta, terá lugar o 26 de novembro en Vigo: pola mañá no campus, para a comunidade universitaria, e pola tarde, no edifico Redeiras, aberto á cidadanía.

