O Concello de Mazaricos publica a ordenanza reguladora do uso do galego


O Concello de Mazaricos publica, no BOP do 6 de novembro de 2026, a Ordenanza reguladora do uso do galego, que regula os usos lingüísticos polos que debe rexerse o Concello, así como todas as unidades administrativas e servizos que del dependan.

A ordenanza aplicaráselles tamén aos organismos públicos e ás entidades de dereito público vinculadas ao Concello de Mazaricos ou dependentes del (organismos autónomos, entidades públicas empresariais, consorcios, fundacións, etc.). No caso das sociedades mercantís e outras entidades de dereito privado vinculadas ou dependentes do Concello de Mazaricos, deberán rexerse por esta ordenanza cando exerzan potestades administrativas e naqueles contidos que especificamente se refiran a elas. Así mesmo, aplicaránselles os criterios lingüísticos establecidos nesta ordenanza ás empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratistas do Concello, así como ás entidades de explotación mixta, no desenvolvemento das prestacións obxecto da adxudicación, concesión ou contrato.

No último capítulo do texto quedan recollidas as funcións do Servizo de Normalización Lingüística compartido que manteñen os concellos de Carnota e Mazaricos.

No Kit para a normalización en rede podes consultar a listaxe completa de ordenanzas e regulamentos lingüísticos en vigor na Administración local galega.