Premios Xarmenta 2006


A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” deu a coñecer os galardoados da segunda edición destes premios que teñen como finalidade recoñecer o labor daquelas institucións e personalidades que máis teñan contribuído á promoción do galego no Bierzo.

Os gañadores deste ano son a Real Academia Galega (RAG) e o cantautor berciano Amancio Prada. O acto de entrega dos premios terá lugar o 24 de xaneiro de 2007, no Teatro Bérgidum de Ponferrada, e na gala actuarán Uxía, Sirma, Rapabestas, o cantautor berciano Aínda e mais o grupo de teatro Vagalume.

A Asociación Xarmenta aproveitou a ocasión para presentar tamén o primeiro número dunha revista que leva o seu mesmo nome e coa que queren seguir contribuíndo á difusión da lingua galega no Bierzo.