A través de Europa é o nome da sección do web da Comisión Europea onde os diferentes estados membros publican as súas noticias relacionadas con Europa. A partir de agora aquelas novas relacionadas con Galicia e Europa poderán ser redactadas de xeito bilingüe, en galego e castelán.
O galego estréase nesta sección coa nova sobre o proxecto europeo de cooperación en Tanzania.
Esta iniciativa enmárcase no acordo do Consello de ministros de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores da UE, do 13 de xuño de 2005, que aprobaba o uso das linguas cooficiais españolas (galego, catalán e éuscaro) nas institucións europeas, malia non posuír estas o rango de oficialidade.

