Os vindeiros días 3 e 4 de decembro desenvolverase no Consello da Cultura Galega o I Seminario de Planificación Lingüística, que reunirá a académicos, políticos, expertos e xestores galegos e non galegos para avaliar as políticas lingüísticas do Estado e obter ditames e recomendacións en materia de planificación lingüística.
O seminario, organizado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, estrutúrase en dúas xornadas, unha primeira que xirará arredor do modelo lingüístico educativo no ensino non universitario (3 de decembro) e unha segunda centrada nas políticas lingüísticas en España (4 de decembro).
Como asistentes ao acto foron convidados arredor de 100 profesionais e investigadores relacionados coa política lingüística e a planificación do idioma galego.

