Os responsables de normalización lingüística do IES de Melide, dos colexios núm. 1 e Mestre Pastor Barral de Melide, do Colexio de Arcediago de Visantoña e dos concellos de Melide, Santiso e Toques acaban de constituír o colectivo SNL Terra de Melide.
Está dirixido pola coordinadora territorial dos ENDL da provincia da Coruña e ten como principal obxectivo traballar de xeito conxunto e coordinado a prol da normalización lingüística nestes tres concellos, unindo os esforzos e recursos da Administración educativa e da Administración local.
A primeira iniciativa que teñen previsto desenvolver será unha diagnose das actitudes e usos lingüísticos na comarca, para posteriormente poder implementar medidas normalizadoras nos diferentes ámbitos sociais, como a hostalaría, a sanidade ou o comercio.

