Antón Santamarina, membro da Real Academia Galega e catedrático de Románicas na Universidade de Santiago de Compostela, recibiu onte nun acto de homenaxe celebrado na Facultade de Filoloxía da USC o recoñecemento aos seus 30 anos de catedrático e 41 anos de docencia, así como ao seu intenso labor investigador no ámbito da estandarización e codificación do idioma galego.
No acto presentouse tamén o libro Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina, no que participaron arredor de cincuenta colaboradores da Facultade de Filoloxía e do Departamento de Filoloxía Galega da USC con traballos relacionados coas liñas de investigación que o propio homenaxeado cultivou.

