Estudos de Lingüística Galega, primeira revista electrónica da USC


A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou Estudos de Lingüística Galega, unha revista electrónica de periodicidade anual promovida polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e publicada polo Servizo de Publicacións e Intercambio da USC.

Con esta publicación, o ILG ofrece un novo espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego, que inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analicen directa ou indirectamente o noso idioma.