Preséntase a segunda edición de Torrelingua


A Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG) organiza, co patrocinio da Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, a segunda edición de Torrelingua, programa de dinamización lingüística que ten por obxecto promover o galego entre o alumnado de primaria e secundaria.

Nesta ocasión o programa inclúe dúas actividades, un torneo de debate destinado aos mozos e mozas de secundaria da comarca da Coruña e mais unha convocatoria de premios ao deseño dunha campaña de dinamización lingüística, que se desenvolverá nos centros de ensino primario do Concello da Coruña.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de outubro de 2009 (para os centros de secundaria) e o 31 de outubro (para os centros de primaria).