A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL), presenta a campaña "O galego, o noso medio natural", deseñada para promover a reflexión sobre a importancia da conservación das especies e das linguas para o mantemento da biodiversidade do planeta.
Co ánimo de fomentar o ecolingüismo, os organizadores da iniciativa distribuirán na Universidade de Vigo e mais nos centros de educación non universitaria de Galicia diferentes materiais, como adhesivos, chapas, camisolas ou ecoguías, uns cadernos con textos literarios que falan da ecoloxía das linguas.

