A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) presenta hoxe, 26 de outubro, ás 20:30 h, no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16. Santiago de Compostela) o seu proxecto Certificado Abertos ao Galego.
Este certificado concederáselles, en diferentes niveis, ás empresas e entidades de calquera índole que amosen o seu compromiso coa normalización do idioma galego. As entidades que conten con este distintivo figurarán nun catálogo web, poderán participar en actos anuais de promoción e accederán a descontos publicitarios nos medios de comunicación que colaboren co proxecto.
No acto de presentación intervirán Carlos Callón, presidente da MNL; Iria Taibo, coordinadora do proxecto; Xulio Peinó, de 1D2 Arquitectos; Laura Insausti, da tenda de roupa Ela Diz e Carlos Cota, da Libraría Aira das Letras.

