Catro estudosos da lingüística galega incorpóranse á RAG como académicos correspondentes


O Plenario da Real Academia Galega aprobou, o pasado 21 de xaneiro, o nomeamento de Ana Isabel Boullón, Xosé Henrique Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio como académicos correspondentes desta institución.

Trátase de catro recoñecidos investigadores e profesores universitarios do ámbito da lingüística galega, que se incorporan á Sección de Lingua da RAG para colaborar nos diferentes proxectos de gramática, onomástica e sociolingüística que esta institución desenvolve.

Na mesma sesión plenaria foi nomeada académica de honra Giulia Lanciani, profesora da Universidade Roma Tre e destacada estudosa do corpus lírico medieval galego-portugués.