O Concello de Rianxo e a plataforma Vitaminas para o galego están a desenvolver a campaña Móllate polo galego, co ánimo de sensibilizar a mocidade co uso do idioma propio de Galicia.
O acto principal da campaña desenvolverase o vindeiro 22 de setembro de 2012 na praia de Tanxil (Rianxo), onde se celebrarán diferentes actividades lúdicas e se repartirán camisolas co lema “Móllate polo galego”.
Aquelas persoas que queiran “mollarse polo galego”, poderán participar tamén nun concurso fotográfico. Os participantes poden enviar as súas fotografías ao correo mollate@vitaminasparaogalego.gl ata o 29 de setembro. O xurado outorgará tres premios: unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, un tablet e un terceiro premio sorpresa aínda por desvelar.

