Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover a iniciativa En galego, agora e sempre, para promover o uso do galego no ámbito das funerarias e das derradeiras vontades.
Os promotores da campaña fan un chamamento para que os concellos galegos, as entidades culturais e veciñais e a cidadanía en xeral restauren a memoria lingüística do país galeguizando as lápidas dos cemiterios e facendo público a súa vontade de que todos os trámites relativos ao seu funeral e enterro se realicen exclusivamente en galego.
Nesta mesma liña enmárcanse iniciativas coma a sinatura de derradeiras vontades que tivo lugar en Morgadáns (Gondomar) ou o compromiso das funerarias de Carballo de ofrecer os seus servizos en galego.

