Anulados xudicialmente os artigos 5.2 e 12.3 do Decreto para o plurilingüismo no ensino


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo públicas tres sentenzas nas que se estiman parcialmente os recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. En concreto, o TSXG anula os artigos 5.2 e 12.3 do citado Decreto.

O artigo 5.2 outorgaba carácter vinculante aos resultados da enquisa realizada aos pais á hora de determinar a lingua a empregar na etapa de infantil. Este artigo anúlase por considerar o TSXG que vulnera o dereito fundamental á educación, xa que os poderes públicos non poden abdicar da súa responsabilidade de establecer a programación do ensino.
O artigo 12.3 permitíalle ao alumnado empregar o castelán (oralmente ou por escrito) mesmo cando a materia se impartise en galego. O TSXG considera ilegal este artigo, entre outros motivos, porque é contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino que recolle a Lei de normalización lingüística.
Se desexa consultar o texto completo da sentenza, prema aquí.