Neste ano 2013 no que se conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta o facsímile da primeira edición desta obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas. O propio CCG acaba de inaugurar un novo espazo web no que se irán compilando diferentes documentos dixitais relacionados coa vida e obra da autora.
Así mesmo, entre os meses de febreiro e xuño de 2013, desenvolverase, na sede do CCG, o congreso Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, que ten como obxectivos principais amosar a vixencia da obra de Rosalía, visibilizar as diferentes perspectivas de análise que se desenvolveron nas últimas décadas e estimular novas lecturas críticas.

