Silleda premia o uso do galego no comercio


O Concello de Silleda, en colaboración co IES Pintor Colmeiro, a asociación Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta a primeira edición do Premio Concello de Silleda á normalización lingüística nas empresas e comercios, co obxectivo de estimular o uso do galego no sector comercial e recoñecer o labor tanto das empresas cunha tradición recoñecida na normalización, como daquelas que se incorporaron recentemente ás prácticas normalizadoras. O prazo para presentar as candidaturas remata o próximo 17 de maio.

Esta iniciativa súmase ao traballo de análise da paisaxe lingüística desenvolvido polo Equipo de Normalización Lingüística do IES Pintor Colmeiro o pasado curso. Como proxecto de futuro, o Concello de Silleda e o IES Pintor Colmeiro colaborarán nun programa de promoción turística e galeguización do sector hostaleiro, que consistirá na elaboración gratuíta en tres idiomas (galego, castelán e inglés) das cartas e menús de todos os establecementos que se sumen á iniciativa. Podes ampliar esta información premendo aquí.