O vindeiro 12 de xullo terá lugar na antiga reitoral de Santo André (Ribadavia) o encontro da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), un acto no que se formalizará o ingreso dunha nova trintena de empresas do sector agroalimentario comprometidas co uso do galego na etiquetaxe das súas marcas. A IRGADE, entidade promovida polo Foro Enrique Peinador, creouse en xullo de 2012 co obxectivo de fomentar a etiquetaxe en galego e o consumo responsable por parte dos consumidores. Entre as actividades desenvolvidas estes anos destaca a campaña ConsumoGustos, no marco da cal se elaborou a “Carta de consumo responsable e solidario”.

