A Modern Language Association, asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura, comunicou oficialmente que acaba de aprobar a creación do “Galician Language, Literature and Culture Forum”, unha sección permanente e un grupo de debate sobre lingua, literatura e cultura galegas. Os promotores da iniciativa consideran que a introdución dos estudos galegos no seo desta prestixiosa asociación americana, con arredor de 28 000 membros en máis de 100 países, suporá un importante pulo na proxección internacional do noso idioma.

