Silleda prepárase para vivir o Nadal en galego


O Concello de Silleda, a asociación ECOS, o IES Pintor Colmeiro e os centros de ensino do municipio están a colaborar en diferentes iniciativas destinadas a dinamizar o uso do galego no Nadal, principalmente nos ámbitos educativo e socioeconómico. Con este obxectivo organizan o programa Silledagasalla, que inclúe dous concursos escolares que permitirán seleccionar os lemas e debuxos que os comercios empregarán nos carteis e agasallos. Así mesmo, o Concello de Silleda organiza unha nova edición do Concurso de Escaparates “Nadal en Galego”, deseñado para promover o comercio local e fomentar o galego no sector económico. Neste caso, o alumnado do IES Pintor Colmeiro participará formando parte do xurado.