O Concello de Redondela, a Xunta de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega celebraron onte, 17 de marzo de 2015, o acto “As raíces da lingua 1228-2015”, para conmemorar o 30 aniversario da primeira sentenza en lingua galega. Con esta celebración, que tivo lugar en Redondela, lembrouse o fito histórico que supuxo que a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, a pedimento do Concello de Redondela, ditara en 1985 a primeira sentenza en galego. No transcurso do acto, os promotores presentaron a “Declaración de Redondela”, asinada por 21 avogados/as da localidade, e o manifesto “Para sermos máis nós”, ao que se adheriron máis de 600 veciños/as comprometidos co uso do galego no ámbito xurídico.

