O grupo Divulgare, do Laboratorio de evolución e ecoloxía da Universidade de Vigo, decidiu apostar polo galego como vehículo de divulgación científica poñendo ao dispor de toda a sociedade a versión no noso idioma dos seus vídeos, recoñecidos con 14 premios internacionais e accesibles a públicos non especializados. O traballo de tradución foi realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ao abeiro dun convenio que esta universidade asinou coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A maior parte destes vídeos, que teñen como fío argumental o cambio global, están xa dispoñibles na canle de divulgación do grupo Divulgare.

