O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Educación do Concello de Negreira presentan tres novas iniciativas destinadas a fomentar o uso do galego que se desenvolverán a partir do vindeiro mes de outubro. A iniciativa Avelaíños e Rebuldeiros (encontros dirixidos a familias con nenos/as de entre 0 e 6 anos) ten como obxectivo crear espazos para o uso do galego nos ámbitos da familia e o lecer. Outra das actividades que se ofertan é o Club de lectura Barcala en galego, dirixida á poboación en xeral e destinada a fomentar a lectura na nosa lingua. Por último, todas as persoas que queiran adquirir ou perfeccionar a súa competencia oral en galego poden inscribirse no Curso de galego oral. Para obter máis información sobre as datas e prazos de inscrición, preme aquí.

