A Mesa constata que o castelán segue a ser o idioma maioritario no ensino infantil das cidades


A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o "Informe sobre a lingua galega na Educación infantil de 3 a 6 anos no curso 2015/16", un estudo que esta entidade elabora periodicamente para analizar os usos lingüísticos nos centros de educación infantil das sete cidades galegas. En xeral, segundo os datos recollidos no estudo, dos 269 centros consultados (públicos e privados), o 39,41% declara empregar o castelán en exclusiva e o 36,43% declara empregalo de xeito maioritario, o que sumaría un 75,84% de centros onde o galego ou ben non ten presenza ou a ten de xeito minoritario. Do resto, un 18,96% dos centros afirma empregar os dous idiomas oficiais (castelán e galego) equitativamente e só un 5,20% declara que usa maioritariamente o galego.