24 de febreiro: Día de Rosalía

24 de febreiro: Día de Rosalía

Institucións, entidades culturais e centros de ensino do país conmemoran hoxe o Día de Rosalía de Castro, escritora determinante na reivindicación e prestixio do galego no século XIX, cuxa obra e mensaxe continúa vixente entre as novas xeracións e soportes de comunicación. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade promotora desta conmemoración, organizou o seu acto central de homenaxe o pasado domingo, 19 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres, onde tivo lugar unha lectura pública de poemas rosalianos. Pola súa parte, a comunidade educativa está a participar hoxe difundindo nas redes sociais os seus traballos de homenaxe á autora coa etiqueta #RosalíaTe. A cidadanía no seu conxunto está tamén convocada a festexar esta data participando nos diversos actos que concellos, universidades e institucións culturais do país están a desenvolver estes días.