O castelán, lingua única ou maioritaria no 72% dos centros de educación infantil das cidades


A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o "Informe sobre a lingua galega na educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 2016/17", un estudo que esta entidade viña elaborando anualmente para analizar os usos lingüísticos na educación infantil das sete cidades galegas e que nesta última edición pasa a recoller os datos do conxunto de Galicia. En termos xerais, constátase unha fenda no uso do galego entre o ámbito rural, onde o galego é lingua predominante, e o urbano, onde o noso idioma ten un uso minoritario. No caso concreto das sete cidades galegas, o 33% dos centros declara empregar o castelán en exclusiva na aula e o 39% declara empregalo de xeito maioritario, o que sumaría un 72% de centros onde o galego ou ben non ten presenza ou a ten de xeito minoritario. No resto dos centros, un 20% afirma empregar os dous idiomas (castelán e galego) equitativamente e un 9% declara que usa máis o galego.