O Consello da Cultura Galega publica o informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, elaborado co obxectivo de estudar as causas que explican a disociación existente na mocidade entre unhas actitudes positivas cara á lingua galega e un nivel de uso decrecente. En termos xerais, malia a existencia deste patrón maioritario de valoración positiva cara ao galego, os datos tamén confirman que continúan a manterse prexuízos cara á variedade estándar, que o discurso da “liberdade” e da “imposición” está estendido entre os/as mozos/as e que a súa visión do futuro do idioma é pesimista.
O hábitat de residencia é o marcador máis relevante para entender o comportamento lingüístico da mocidade, sendo o hábitat urbano o menos propicio ao uso do galego. Con todo, os datos constatan que é a quebra da transmisión interxeracional a principal causa da desgaleguización e o ámbito escolar non semella funcionar como elemento corrector desta eiva. O estudo remata cun capítulo propositivo no que se expoñen diferentes recomendacións, entre as que destacan as seguintes: deseñar un proxecto de fomento da lingua galega transversal que promova un plurilingüismo inclusivo partindo do galego; promover un consenso político que exclúa a lingua da loita partidista; mudar o modelo de ensino de 0 a 6 anos para crear unha oferta real de ensino infantil en galego; crear unha oferta tecnolóxica, cultural e de lecer na nosa lingua atractiva para a mocidade, e poñer en marcha un consello asesor independente, de carácter técnico, que traballe na dinamización e dignificación do idioma neste sector concreto de poboación determinante para o futuro do galego.

