O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración con Pontevedra ao Vivo, a sexta edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O Galegote Rock celebrarase os días 27, 28 e 29 de abril de 2017 en distintos espazos do centro histórico da cidade. Nesta edición actuarán Oh Ayatollah, Lamprea Explosiva, Miguel Alberte, Eu Son Vodoo, O Fillo do Fiusa DJ, Dani Moure, Eladio y los seres queridos, Mike Grelo e Curmán, Güintervan, Malandrómeda, Atrás Tigre, Chicharrón e Terbutalina. A programación musical combinarase con actividades infantís e mais a presentación dunha cervexa de edición especial para o festival. Podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.

