Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias


O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, que terá lugar os vindeiros 29 e 30 de xuño de 2017 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. Vinte e cinco anos despois da aprobación deste tratado internacional, o foro quere contribuír á avaliación da súa repercusión e actualidade, poñendo o foco na reflexión sobre o cumprimento dos compromisos adquiridos nos artigos 7 a 13 da Carta. Ao longo das xornadas participarán máis dunha trintena de especialistas e representantes das diferentes linguas rexionais ou minoritarias faladas no Estado español. A inscrición é gratuíta. As prazas (con número limitado a 40 persoas) cubriranse por orde de inscrición.