Premio para a tecnoloxía en galego


Igaciencia, entidade que traballa a prol da introdución do galego na ciencia, fixo entrega dos galardóns do III Premio Inventa en Galego, unha iniciativa que promove esta entidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A través deste proxecto, propónselles aos centros educativos que elaboren unha app Android na linguaxe de programación de App Inventor, co obxectivo de axudarlle ao alumnado a desenvolver o pensamento computacional e, ao mesmo tempo, contribuír á creación de aplicacións en galego. Nesta edición, o primeiro premio foi para a aplicación “BiciCoruña”, elaborada polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña. O IES de Culleredo tamén recibiu o segundo premio por un conxunto de sete aplicacións. Podes consultar a listaxe dos proxectos finalistas e gañadores no web de Igaciencia.