Xosé A. Fernández Salgado, profesor da Universidade de Vigo, acaba de publicar o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, que recolle a edición e estudo dun novo texto en galego do século XVIII do que se descoñecía a súa existencia, atopado polo propio autor nos fondos da Fundación Penzol. Trátase dun manuscrito inédito, elaborado arredor da década de 1770, que contén cincuenta décimas dirixidas contra o Cura de Fruíme, e que destaca por estar escrito integramente en galego, pola súa calidade poética e polo seu rexistro lingüístico culto, características que ata o momento non se consideraban propias dos textos galegos desa época. A publicación inclúe dúas edicións do manuscrito, unha case paleográfica e outra co texto actualizado graficamente, co obxectivo de facilitar a súa difusión entre o público non especializado. Podes obter máis datos sobre esta nova no Diario da Universidade de Vigo.

