Nova edición do concurso “Explícoche matemáticas 2.0”


A Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC, organiza unha nova edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático, así como a creatividade do alumnado. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato e ciclos de Formación Profesional dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo, dunha duración non superior aos dous minutos e medio, onde se explique en galego un tema relacionado coas Matemáticas. Outorgarase tres premios de 200 euros, segundo a categoría. O prazo para enviar os proxectos remata o 22 de marzo de 2019.