A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca os Premios Mil Primaveras, co obxectivo de recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos destinados ao fomento da lingua galega e ao incremento do seu uso e prestixio. Premiaranse proxectos que tivesen vixencia, total ou parcialmente, en 2017, 2018 ou 2019. O xurado outorgará un premio por cada unha destas seis categorías: “mellor proxecto estabilizado”, “mellor proxecto novo”, “mellor comunicación e impacto”, “proxecto máis innovador”, “fomento do galego na infancia e/ou mocidade” e “fomento do galego nun ámbito sectorial”. O prazo para a inscrición das iniciativas, que debe ser feita pola propia entidade organizadora, remata o 17 de maio de 2019.

