Co gallo da celebración das festividades de “Todos os Santos” e “Todos os Defuntos”, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL) convida, un ano máis, a todos os concellos galegos a festexar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, galeguizando as rotulacións dos cemiterios e colocando placas conmemorativas. Ao abeiro desta iniciativa celebráronse este mes de outubro actos conmemorativos en diferentes concellos do país, como Quintela de Leirado, San Xoán de Río ou Redondela. Así mesmo, o vindeiro 31 de outubro, a AFNL e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán un acto de reafirmación do idioma no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, o único cemiterio de Galicia con todas as súas lápidas en lingua galega.

