O Consello de Europa volve incidir na vulneración de dereitos lingüísticos no ensino e na xustiza


O Consello de Europa publica o quinto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Goberno español asumiu ao ratificar este tratado internacional. No que respecta ao galego en Galicia, o Comité de Expertos sinala a diminución de falantes e a perda da transmisión xeracional e, como xa fixera en informes anteriores, volve recomendar que de xeito inmediato se eliminen as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos, se modifique a Lei Orgánica do Poder Xudicial para garantir o uso do galego nos procedementos xudiciais, cando unha das partes o solicite, e se incremente o uso do galego na Administración do Estado en Galicia. Con respecto ao galego exterior, recoméndase con urxencia incluír o nome de “galego-asturiano” no Estatuto de Autonomía de Asturias, desenvolver unha política estruturada para a protección deste idioma na rexión do Eo-Navia, adoptar medidas para protexer o galego en Castela e León e actuar tamén de xeito inmediato para protexer a fala/galego en Estremadura. Se queres consultar os informes de seguimento de períodos anteriores (así como os correspondentes informes estatais), preme aquí.