A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organizan a xornada "O galego no ensino. O ensino en galego", que terá lugar o vindeiro 25 de xaneiro de 2020 no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela. Nesta xornada, dirixida aos docentes do ensino non universitario, exporanse os modelos lingüísticos vixentes nos sistemas educativos de Cataluña e o País Vasco, reflexionarase sobre a repercusión do “Decreto do plurilingüismo” na situación actual da lingua galega e poranse en común diferentes experiencias normalizadoras que se están a desenvolver en centros de ensino galegos. O prazo de matrícula remata o 24 de xaneiro de 2020.

