Programación institucional das Letras Galegas 2020


A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG, a Associaçom Galega da Língua, a Fundación Penzol e a Academia Galega da Língua Portuguesa, en colaboración con diferentes concellos, entidades culturais e empresas, presentan un programa conxunto de actividades para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2020. O programa inclúe exposicións, iniciativas de participación social (roteiros, viaxes culturais, obradoiros...), campañas audiovisuais, música, actividades académicas e propostas variadas para o ámbito educativo. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras, editará unha edición facsimilar da peza teatral A farsa das zocas e elaborará un espazo web con información e documentación sobre o autor homenaxeado.