Xa podes consultar en liña o taboleiro temático Enredad@s cos xogos, a terceira entrega do produto documental Galego 2.0, elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega co obxectivo de difundir e darlles visibilidade a recursos dixitais deseñados para promover o galego entre a infancia e a mocidade. Despois dos taboleiros sobre música e audiovisual que presentamos en semanas anteriores, continuamos co ámbito do lecer e ofrecémosche nesta ocasión unha selección de xogos interactivos en liña, videoxogos, pasatempos (encrucillados, sopas de letras, enforcados, xeroglíficos…), exemplos de actividades para o tempo libre e mesmo unha guía de recursos sobre o patrimonio lúdico galego. Nos vindeiros xoves de xullo completaremos a serie con máis iniciativas relacionadas co ensino, a literatura, a ciencia e a tecnoloxía.

