O Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio convocan a vixésimo primeira edición dos Premios Manuel Beiras, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial. Nesta edición engádese ás bases da convocatoria unha nova categoría, "empresa innovadora no uso do galego", que se suma ás outras dúas que xa se incluían en edicións anteriores: "empresa cun uso continuado da lingua galega" e "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega". O xurado dará a coñecer as empresas gañadoras o 21 de decembro de 2020.
No sitio web da iniciativa atoparás as bases completas da convocatoria, así como información sobre edicións anteriores.

