Sae á luz Política lingüística: análise e perspectivas, primeiro volume da serie “O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000)”, e froito dun proxecto de investigación desenvolvido pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega durante os últimos 4 anos.
A grande repercusión que esta publicación está a ter ós poucos días de saír á rúa, deixa ver a importancia do papel que o conxunto deste estudio terá na planificación lingüística en Galicia.
(Máis información)
A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, que demostrou desde o seu comezo un serio compromiso co estudio e promoción do galego, desenvolveu durante o período 1998-2002 o macroproxecto “Informe de política lingüística e normalización en Galicia”, que estivo cofinanciado pola Comisión Europea.
Os obxectivos xerais deste proxecto, que contou coa coordinación dos profesores Henrique Monteagudo e Xan Bouzada, son os seguintes:
-Mellorar o coñecemento dos usos públicos, especialmente oficiais ou institucionais, da lingua.
-Ofrecer elementos para avaliar o impacto das iniciativas en materia de política lingüística por parte do Goberno autonómico durante o período 1980-2000.
-Elaborar recomendacións para os poderes públicos, a partir da identificación dos puntos fortes e débiles da súa política lingüística.
Un equipo interdisciplinar, dividido en catro áreas de traballo, compilou ó longo deste período toda unha serie de información e documentación que servirá de base para a publicación da serie “O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000)”. Ademais do volume xa editado, froito do traballo desenvolvido na área de politoloxía, prevese que en breve poidan tamén saír á rúa outros tres volumes correspondentes ás áreas de educación, administracións públicas e planificación e difusión do idioma.
Tanto esta serie, como outras publicacións derivadas do proxecto, teñen como base unha ampla compilación documental que estará proximamente ó dispor de investigadores e curiosos da sociolingüística galega. Deste xeito, a Sección de Lingua abre unha interesante liña de investigación no eido da planificación lingüística, ó tempo que fornece de ferramentas futuros proxectos que se desenvolvan neste campo.

