A comezos do segundo cuadrimestre deste curso, a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, comezou a difundir a campaña "Entendo, logo diagnostico. Técnico&popular". Trátase dunha serie de dezaoito imaxes, difundidas periodicamente nas redes sociais, nas que se asocian as expresións populares que os/as pacientes galegofalantes empregan para referirse a síntomas e doenzas cos seus respectivos termos técnicos. A iniciativa está dirixida aos profesionais da medicina, co ánimo de que poidan comprender o que lles están transmitindo os seus pacientes e así poder realizar diagnósticos correctos. Podes acceder á colección de imaxes na páxina de Facebook do SNL da USC.

