A mocidade de Vila de Cruces entrevista ás avoas e avós que lles transmitiron a lingua


O IES Marco do Camballón presenta o proxecto audiovisual "A escola das avoas", impulsado polo alumnado de 2º e 3º da ESO. A iniciativa ten como obxectivo recuperar a memoria histórica e colectiva da xeración de avoas e avós, bisavoas e bisavós, que foron escolarizados durante a ditadura franquista. O propio alumnado entrevistou e gravou cos seus teléfonos móbiles a máis de 25 persoas que narran as súas vivencias na escola franquista, tamén as relacionadas coa represión lingüística. O documental inclúe a colaboración póstuma de Xosé Neira Vilas, que tamén reflexiona sobre esta etapa histórica.