Estudo sobre a toponimia municipal da provincia da Coruña


O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega presenta o estudo "Os nomes dos concellos da provincia da Coruña", autoría de Gonzalo Navaza. Nesta publicación ofrécese un comentario histórico e etimolóxico sobre cada un dos nomes dos 93 concellos coruñeses, indicando os rexistros documentais máis antigos dos que se ten coñecemento, as diferentes evolucións ou alteracións que sufriu o topónimo ao longo do tempo e a explicación sobre o seu significado. Na páxina web da RAG podes consultar tamén a súa colección de traballos sobre onomástica, así como a colección específica Terra Nomeada, na que se compilan estudos toponímicos sobre diferentes concellos galegos.