A psicolingüística, outra forma de abordar o estudio do galego


O Grupo de Investigación de Psicoloxía da Linguaxe da Univesidade de Santiago de Compostela está a desenvolver, baixo a dirección da profesora Isabel Fraga, diferentes proxectos de investigación arredor da lingua galega. Entre os seus froitos máis recentes atópase a memoria de licenciatura de Montserrat Comesaña, que avalía a incidencia do bilingüismo na aprendizaxe da lectura no ámbito da educación infantil.
(Máis información)

Para desenvolver esta investigación elaborouse unha mostra de estudio composta por nenos e nenas de entre sete e nove anos e tamén rapaces de segundo, terceiro e sexto curso de primaria. Avaliouse e comparouse a competencia de lectura en galego e castelán dun total de 171 rapaces do Barco de Valdeorras, zona onde predomina o uso do castelán, e 99 rapaces de Nigrán, Gondomar e Pontevedra.


Montserrat Comesaña sinala, como unha das conclusións máis salientables da súa investigación, que o bilingüismo non entorpece os procesos de lectura dos nenos galegos. É dicir, que no proceso de adquisición desta destreza non se produce ningunha interferencia coa lingua primeira ou materna, polo que os nenos bilingües len perfectamente en ambas linguas e a súa competencia de lectura na segunda lingua non é máis pobre.


Esta memoria de licenciatura, que leva por título “Procesos de lectura en voz alta en nenos galegos: o funcionamento da dobre ruta” está á súa disposición, para consulta en sala, nos fondos do CDSG.