Constátase o escaso consumo de música en galego entre a poboación en idade escolar


O proxecto Ao Son da Nosa Música, dirixido por Manuel Maseda Deán e Martiño Ramos Soto, presentou os resultados dunha enquisa realizada a 1.000 escolares das catro provincias galegas (CEIP, CPI e IES), nos que se constata que o galego está practicamente desaparecido dos seus hábitos de consumo musicais (un 80% afirma que nunca ou case nunca escoita música en galego). Ao Son Da Nosa Música é un proxecto socio-educativo pensado para conectar e difundir de xeito colaborativo a actividade que se fai nas aulas dos centros escolares arredor da música en galego. No seu sitio web atoparás, entre outros recursos, un repositorio audiovisual no que diferentes artistas opinan sobre os hábitos de consumo musical da mocidade galega, ou unha selección de vídeos didácticos sobre a radio escolar como ferramenta educativa.