Despois de que a investigadora Sagrario Abelleira acreditase documentalmente que a data real de nacemento de Rosalía de Castro é o 23 de febreiro, as institucións galegas vinculadas á organización do “Día de Rosalía de Castro” acordaron que a partir de agora se celebrará nese día a homenaxe pública. Como en edicións anteriores, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) convida á cidadanía a agasallar ás súas persoas queridas cun libro en galego e unha flor. A maiores, mañá sábado, 19 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración. Outras institucións, entidades culturais e centros de ensino do país tamén están a organizar estes días diferentes actividades. No web da AELG podes ampliar información sobre esta iniciativa.

