O vindeiro 21 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración instaurada pola UNESCO en 1999 para festexar a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Neste 2022, o eixo temático elixido para as diferentes actividades é "O uso da tecnoloxía para a aprendizaxe multilingüe: desafíos e oportunidades". Como é costume, a Xunta de Galicia organizará tamén un acto institucional conmemorativo, que nesta edición terá lugar o domingo 20 de febreiro, no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela), ás 11:30 horas. O acto contará coa actuación das Tanxugueiras e do grupo infantil Trotaventos.

